1908. Cervantes, non o escritor, senón un pequeno pobo da provincia de Lugo. Os anos predecesores da Gran Guerra, deron acubillo a unha nena. Una nena de cabelos dourados e rizados, confundida moitas veces con alguén da realeza. Ía á escola en zocos, non tiña diñeiro para comprarse un libro de aventuras e paseaba polas corredoiras cheas de lama, ás veces soa, ás veces acompañada. Os seus ollos azuis queixábanse do polvo que entraba neles, e os animais durmían ao seu carón. Pero non había ninguén na comarca tan feliz como esa nena. Como Carolina. E boa conta pode dar disto Lois. Lois, o artista frustrado que a coñece, converténdoa na súa musa. A vida pasa demasiado presto, e as sombras do conflito ameazaban con quebrar esa idílica realidade. Pero Carolina continuaba sendo luz, e contaxiando a súa enerxía e ganas de vivir a todo aquel que a rodeaba. Aínda que seguía indo á escola en zocos, non tiña diñeiro para comprar un libro de aventuras e paseaba polas corredoiras cheas de lama, ás veces soa, ás veces acompañada.